O BNG de Irixoa pide ao Goberno local que vixíe o impacto das talas forestais

O Bloque Nacionalista Galego de Irixoa instou ao goberno municipal a garantir o cumprimento da ordenanza que regula as talas forestais no concello, co obxectivo de preservar o bo estado dos camiños e pistas municipais. Así o manifestou o portavoz do BNG, Sergio Boado, tras recoller queixas de veciños de distintas parroquias pola deterioración das vías como consecuencia da actividade madeireira.
Boado lembrou que o Concello conta desde o ano 2013 cunha ordenanza que fixa tanto as zonas permitidas para a explotación forestal como as condicións nas que deben realizarse as talas, incluíndo a obriga de que non causen danos na rede viaria. “Porén, esta normativa non se está a aplicar como debera e a veciñanza está sufrindo as consecuencias”, advertiu.
Segundo explicou o portavoz nacionalista, o tránsito constante de camións cargados con madeira está a provocar estragos en camiños públicos, sen que se estea esixindo aos responsables das talas a reparación dos danos ocasionados. “É fundamental que estas responsabilidades non recaian sobre o Concello, porque iso suporía detraer fondos que deberían ir destinados a servizos básicos e investimentos que si son competencia municipal”, subliñou.
O BNG recoñece a importancia do sector forestal no tecido económico local, destacando que xunto coa actividade agro-gandeira constitúe un dos principais motores de emprego en Irixoa e na súa contorna. Por iso, Boado defende que “é esencial garantir a convivencia entre o desenvolvemento da actividade forestal e o benestar da veciñanza”.
“O cumprimento das normas que entre todas e todos aprobamos é a mellor maneira de asegurar ese equilibrio. Pedimos responsabilidade e vixilancia por parte do goberno municipal para que a ordenanza non quede en papel mollado”, concluíu.