O BNG de Culleredo solicita convocatoria urxente da Comisión de Presidencia por impagos a clubes deportivos
O BNG de Culleredo xunto os concelleiros de Alternativa dos Veciños veñen de solicitar unha convocatoria urxente e extraordinaria da Comisión Informativa de Presidencia. Sendo coñecedores da situación que atravesan as entidades sociais, culturais e deportivas de Culleredo provocada polos impagos de cantidades adebedadas polo Concello, e vista a denuncia pública formulada polo Clube Balonmán Culleredo no día de onte.
Aos efectos de aclarar os motivos dos impagos das cantidades adebedadas ao Clube Balonmán Culleredo e para poder colaborar na presentación de propostas de solución, esiximos que se poña a disposición da Comisión toda a documentación e expedientes que dan orixe a estas obrigas de pago pendentes.
Nesta mesma solicitude reclámase a posta a disposición de toda a documentación relativa a tódalas débedas contraídas polo Concello de Culleredo coas entidades deportivas, sociais e culturais do noso concello e que continúen pendentes de pago, incluíndo a situación actual de ditos impagos e o horizonte temporal para o seu pago efectivo.
Este é o primeiro paso do Grupo Municipal do BNG de Culleredo para aclarar a situación e procurar unha solución urxente ao maltrato continuado que o tecido asociativo do noso concello ven sufrindo nos últimos anos, provocado pola falta de transparencia e diálogo coa veciñanza por parte do goberno municipal.