O BNG de Culleredo solicita convocar á Comisión Especial do Aeroporto no Concello
O BNG de Culleredo sinala que a nova “pegada sonora” do Aeroporto de Alvedro está aprobada, sen resposta para as alegacións presentadas e sen que o Concello de Culleredo aclare en que vai afectar aos propietarios de inmobles e ao urbanismo do municipio, tanto presente, como futuro. Lembran que o propio alcalde dixo no Pleno que os inmobles existentes quedarían “fóra de ordenación”.
Porén, o partido denuncia que as noticias disto soamente chegan pola prensa. Así que é por iso que o BNG de Culleredo solicita a convocatoria inmediata da Comisión Especial do Aeroporto no Concello de Culleredo. Pola súa banda, o goberno municipal anunciou xuntanzas con colectivos afectados, pero sen concretar a data das reunións nin os colectivos de afectados aos que se refire.
O documento de servidumes aeronáuticas acústicas, o mapa de ruido e o plan de acción foi publicado no BOE o pasado día 20 de abril. Os tres concellos afectados presentaron alegacións en 2020. Ningunha delas foi respostada polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, pero o proxecto non muda desde a exposición pública e a afección vese aumentada con respecto á actual.
"Segundo sabíamos desde o período de exposición pública, os núcleos de poboación máis afectados serían O Burgo, Acea de Ama, Almeiras, Liñares, A Hermida ou Tarrío (Culleredo), Montrove ou Liáns (Oleiros) ou o Graxal (Cambre)", sinalan. En definitiva, un tercio da poboación e do territorio de Culleredo se verían directamente afectados. Así, tendo en conta que a maioría do solo afectado é de uso residencial, veríanse afectadas perto de 5.000 mil vivendas, das que case 3.000 nin sequera están dentro do plan de insonorización actual, e case 10.000 persoas serían prexudicadas.