O BNG de Culleredo reclama repoñer o valado de seguridade da AC-14 e alerta do risco de accidentes

ACoruñaXa
A formación denuncia que varios treitos da autovía entre A Garrocha e os túneles do colexio Rías Altas carecen de peche perimetral
ac-14-culleredo
26 Sep 2026

O BNG de Culleredo alerta da situación do peche perimetral da AC-14, a autovía de entrada á Coruña, onde asegura que existen varios treitos nos que a malla metálica está rota ou desapareceu. A formación reclama ao Ministerio de Transportes e á Demarcación de Estradas a reposición do valado.

Segundo o Bloque, a ausencia desta protección pode facilitar a entrada de animais e doutros elementos na calzada, especialmente nas zonas próximas a masas forestais. A formación considera que esta situación incrementa o risco para os vehículos que circulan pola vía.

O BNG sinala que a AC-14 soporta unha elevada intensidade de tráfico ao funcionar como un dos principais accesos á Coruña e ao aeroporto. Neste contexto, advirte do posible risco de atropelos de fauna e de que a presenza de animais na calzada obrigue os condutores a realizar manobras evasivas que poidan derivar en accidentes.

O voceiro do BNG en Culleredo, Tono Chouciño, reclama unha actuación urxente para recuperar as condicións de seguridade da autovía. “É urxente a reposición integral do valado protector, e a restitución dos estándares mínimos de seguridade que unha vía das características da AC14 require. O Ministerio de Transportes e a Demarcación de Estradas deben actuar de xeito inmediato”, sinalou.

0.15844798088074