O BNG de Coirós solicita a regulación do uso dos locais sociais municipais

ACoruñaXa
A portavoz Pura Ferreño propón a elaboración dun regulamento que fixe dereitos e obrigas, así como un acordo de cesión para evitar malentendidos e mellorar a coordinación entre asociacións locais
Imaxe da casa do Concello de Coirós
5 sep 2024

O BNG de Coirós solicitou ao Concello que se elabore e aprobe un regulamento para regular o uso dos locais sociais municipais. Segundo informou a portavoz do BNG, Pura Ferreño, a medida ten como obxectivo principal establecer unha normativa clara sobre a cesión e uso destes espazos, que actualmente son utilizados por diversas asociacións e colectivos do municipio.

“Coirós conta cunha ampla rede de locais sociais municipais, que están á disposición da veciñanza para o seu uso puntual e para actividades programadas polo propio Concello. Sen embargo, algúns destes espazos son empregados predominantemente por asociacións locais, como a Escola de Queirís, o local do campo da festa de Espenuca e Caresma ou o de Santiago de Ois,” explicou Ferreño.

A portavoz do BNG subliñou que, en ocasións, o uso destes locais por terceiros ou novos colectivos xerou malestar debido a unha falta de comunicación previa coas entidades usuarias habituais. Ademais, destacou que tamén se observaron casos de mal uso dos espazos, incluíndo desperfectos e falta de limpeza.

“Para evitar estes problemas, propoñemos a creación dun regulamento que defina claramente os dereitos e obrigas das partes implicadas, así como un acordo de cesión que se asine cando se considere necesario,” indicou Ferreño.

Ademais, o BNG solicita que o goberno local promova xuntanzas periódicas entre as asociacións do municipio para mellorar a coordinación das actividades e aproveitar sinerxías entre os diferentes grupos e colectivos. Esta medida pretende optimizar o uso dos espazos e fortalecer a rede asociativa de Coirós.

O BNG espera que a proposta sexa valorada positivamente polo Concello para mellorar a xestión dos locais sociais e garantir unha maior equidade e transparencia no seu uso.

 

0.19670510292053