O BNG de Coirós reclama unha mellora na seguridade viaria do Concello

ACoruñaXa
O BNG ve necesaria a instalación de semáforos para controlar a velocidade dos vehículos e pasos de peóns para garantir que se poida cruzar a estrada co menor risco posible
Imaxe dos concelleiros do BNG, Pablo Bugía e Pura Ferreño
15 Abr 2024

O BNG de Coirós propón mellorar a seguridade na estrada N_VI ao seu paso polo núcleo de Coirós. “A seguridade viaria na estrada nacional VI ao seu paso por Coirós é un tema que preocupa moito ás veciñas e veciños que todos os días deben circular por ela tanto a pe coma nos seus vehículos”, explicou o concelleiro do BNG, Pablo Bugía.

“Foron moitas as ocasións nas que presentamos propostas e debatemos sobre o punto negro do cruce de Queirís e o tramo que discorre desde alí até Coirós polas deficiencias nas beiravías, entre outras cuestións”, engadiu o concelleiro do BNG.

Desde o BNG lembraron que xa no ano 2010 pediron que se tomaran medidas para garantir a seguranza das nenas e nenos da Escola Infantil de Coirós ao atoparse, naquel momento, a carón da estrada xeral.

“O tramo Coirós - A Lapela é unha zona moi transitada por peóns ao atoparse alí a casa do Concello, o Edificio de Usos Múltiples, a gasolineira, a Igrexa e a farmacia. Ademais a incorporación á estrada xeral desde algunhas das vías locais ten problemas de visibilidade có conseguinte risco que iso representa”, afirmou o concelleiro.

O BNG levará de novo estas cuestións ao pleno para tentar acadar un apoio unánime na defensa da seguridade das persoas e vehículos que circulan polos tramos máis urbanos do municipio de Coirós.
“É necesario instalar semáforos para controlar a velocidade dos vehículos e pasos de peóns para garantir que se poida cruzar a estrada co menor risco posible. Así mesmo haberá que facer unha boa delimitación das zonas de estacionamento á beira do concello de xeito que se facilite a visibilidade nas incorporacións”, concluíu.

 

0.18799090385437