O BNG de Coirós reclama medidas urxentes para xestionar as augas pluviais no Polígono de Pedrapartida

ACoruñaXa
A portavoz Pura Ferreño alerta do perigo medioambiental e solicita accións para evitar novos vertidos contaminantes
Augas Polígono de Pedrapartida en Coirós
19 Dec 2024

O BNG de Coirós denunciou un novo vertido de augas contaminadas no Polígono Empresarial de Pedrapartida e instou ao goberno municipal a tomar medidas inmediatas para evitar a repetición destes incidentes. A portavoz municipal, Pura Ferreño, destacou que “a pasada fin de semana puidemos observar a presenza de augas sucias e con restos aceitosos na zona de acopio das augas de escorrentía e polas cunetas”.

Ferreño sinalou que estas augas acaban desembocando nun regato que vai parar ao río Mandeo, o que representa un grave perigo medioambiental. “Esta situación repítese con demasiada frecuencia debido á falta de control e depuración das augas pluviais nesta contorna”, engadiu.

Ante esta problemática, o BNG presentou unha moción solicitando explicacións ao goberno local sobre os feitos e esixindo que se investigue a orixe do vertido. As nacionalistas tamén reclaman que se adopten medidas preventivas, como a limpeza e acondicionamento da zona de pluviais, o illamento adecuado e a correcta depuración das augas. Ademais, solicitan tapar as canalizacións abertas para evitar posibles accidentes de persoas e animais.

“O goberno municipal debe actuar con responsabilidade para garantir a protección ambiental e evitar que estes episodios sigan acontecendo”, concluíu Ferreño.

⚙ Configurar cookies
0.058288097381592