O BNG de Coirós propón a instalación dunha área de estacionamento de autocaravanas
O BNG de Coirós propón a dotación e posta en funcionamento dunha área para estacionamento de autocaravanas en Coirós. “O turismo itinerante experimentou un significativo crecemento nos últimos anos en toda Europa. Este crecemento ven acompañado dunha serie de demandas por parte das persoas usuarias en canto a infraestruturas e espazos de estacionamento adecuados. Mais tamén trae aparellado unha moi interesante fonte de actividade económica e ingresos nos concellos que dispoñen destas estruturas”, explicou Pura Ferreño, portavoz do BNG en Coirós.
“É un sector en expansión e polo tanto é imprescindíbel unha ordenación adecuada có obxectivo de conciliar normativas turísticas, de tráfico, de circulación, e de ordenación dos espazos públicos e protexidos”, indicou a voceira nacionalista. “Estas vivendas itinerantes teñen necesidade de contar con áreas para abastecerse de auga potábel, baleirar augas grises e negras e incluso pequenos mantementos coma calquera vehículo”, engdiu.
“Os concellos que dispoñen de áreas deste tipo aparecen en múltiples publicacións e páxinas web dirixidas a persoas que gostan dun tipo de turismo cada vez máis desestacionalizado e que ten unha importante repercusión na actividade económica en negocios de todo tipo, e nomeadamente na hostalería e comercio”, informou Pura Ferreño. “Cunha boa regulación da actividade conseguiranse dous obxectivos fundamentais: por unha banda acadarase maior seguridade xurídica e estableceranse maiores garantías para as persoas usuarias, entidades promotoras e xestoras, e para a cidadanía en xeral. Por outro lado, e non menos importante, ábrense novas vías para fomentar o desenvolvemento económico do municipio”, concluíu.
Neste sentido, desde o BNG instan ao goberno municipal de Coirós a seleccionar e dotar os terreos necesarios para a instalación dunha área onde poidan estacionar e facer noite as autocaravanas, instalando as infraestruturas necesarias para que a área reúna os requisitos previstos para atender a demanda das persoas usuarias.