O BNG de Coirós alerta do risco para o abastecemento de auga e reclama medidas urxentes ao Concello

O BNG de Coirós presentou no Concello unha batería de preguntas para coñecer a situación da captación de auga que abastece a rede municipal, situada en Fervencedo, no concello de Aranga, despois de advertir un descenso do nivel da auga que considera preocupante.
A portavoz municipal da formación, Pura Ferreño, sinala que a situación xera inquietude ao producirse a finais de xullo, un período no que o consumo de auga adoita aumentar debido ás altas temperaturas e á maior presenza de persoas no municipio.
Segundo explica o BNG, o nivel da captación provocou que o chupón quede parcialmente ao descuberto, unha circunstancia que, ao seu xuízo, podería comprometer a capacidade de garantir o abastecemento nas próximas semanas. Ademais, a formación tamén advirte do reducido caudal existente augas abaixo do azougue, o que podería afectar ao mantemento do caudal ecolóxico do río.
Os nacionalistas consideran que esta situación non debe interpretarse unicamente como unha consecuencia da falta de precipitacións. "Os episodios de seca son cada vez máis frecuentes e intensos, e precisamente por iso as administracións teñen a obriga de planificar con tempo e anticiparse aos problemas", afirma Pura Ferreño.
A través das preguntas rexistradas, o grupo municipal solicita ao Goberno local información sobre a valoración técnica da situación, os informes dos que dispón o Concello, as medidas previstas para garantir o abastecemento se continúa descendendo o nivel da captación e as actuacións desenvolvidas nos últimos anos para reforzar a rede municipal.
Ademais, o BNG reclama que o executivo aclare se ten previsto impulsar un plan de investimentos que permita asegurar o abastecemento de auga a medio e longo prazo, detallando as actuacións previstas, o orzamento e o calendario de execución.