O BNG de Betanzos solicita un memorial en lembranza do Foucellas no Museo das Mariñas
O BNG de Betanzos pide no pleno que se lembre a figura de Benigno Andrade, O Foucellas, no museo das Mariñas, antigo cuartel da Garda Civil de Betanzos, onde estivo preso e foi torturado. “ A figura de Foucellas é a de unha persoa que loitou polo réxime democrático, polos dereitos civís e políticos das galegas e os galegos e por iso desde o BNG pensamos que merece un recoñecemento público”, explicou o concelleiro do nacionalista, Salvador González.
“Coñecer a nosa historia e fundamental para non repetila, máis tamén é necesario coñecer e por en valor as figuras das persoas que loitaron pola liberdade. É necesario un compromiso real das institucións coa memoria democrática, que até o momento se centra en traballos de asociacións e colectivos cidadás, como a Asociación pola recuperación da memoria histórica, que traballan neste eido”, engadiu o concelleiro do BNG.
Segundo as nacionalistas, ese antigo cuartel da Garda Civil de Betanzos situábase no que hoxe é o Museo das Mariñas, nas dependencias do antigo convento de San Domingos, un museo dedicado á historia e á arte da comarca das Mariñas que carece de ningunha mención a este episodio da historia.
“Traemos a aprobación esta moción coa que esperamos avanzar en devolver a dignidade as persoas que loitaron en contra da ditadura franquista e as súas familias”, engadiu Salvador González.
Lembranza de Benigno Andrade, O Foucellas
Desde o BNG lembraron a figura do guerrilleiro Benigno Andrade, nacido en 1908 nas Foucellas, un lugar do concello de Mesía, axustizado mediante o garrote vil en agosto de 1952 no cárcere da Coruña.
Segundo o concelleiro nacionalista, Salvador González, “Foucellas fora sindicalista e, logo do golpe de estado de 1936, converteuse no guerrilleiro antifranquista máis coñecido da nosa contorna. Viviu 16 anos fuxido nos montes e participou na guerrilla antifranquista en Galiza. Detido nun enfrontamento coa Garda Civil, foi condenado en consello de guerra sumarísimo a tres penas de morte. Mais antes dese xuízo e de ser agarrotado, foi levado ao antigo cuartel da Garda Civil en Betanzos. Alí, baixo tortura confesou a axuda que lle prestaran moitos alcaldes dereitistas da zona”.
“É certo que tamén en Betanzos na última década se produciron avances no recoñecemento ás vítimas, por exemplo a colocación do monolito na fábrica da Madalena, onde estivo o campo de concentración, ou os cambios nos nomes dalgunhas rúas”, explicou o concelleiro nacionalista. “Mais, aínda así queda moito por facer, como o cambio na denominación na Avenida Fraga Iribarne -recoñecemento que se lle deu na súa época de Ministro da ditadura franquista- como xa pedimos no pleno ou a eliminación dos escudos falanxistas, aínda a día de hoxe presentes nalgúns edificios na nosa cidade”, concluíu.