O BNG de Betanzos solicita ao Concello información sobre a situación do Complexo San Roque

ACoruñaXa
O concelleiro nacionalista Salvador González denuncia que "hai 3 anos o Pleno aprobou co apoio do BNG tomar medidas legais para o desafiuzamento da empresa concesionaria e que 3 anos despois segue sen avanzarse no asunto"
Imaxe do concelleiro do BNG en Betanzos, Salvador González_
26 Feb 2024

O BNG de Betanzos solicita información no Pleno do Concello sobre a situación do aparcadoiro do Complexo de San Roque, despois de que se fixese público que sae de novo a poxa.

“Hai unhas semanas, coñeciamos pola prensa que a concesión do aparcadoiro subterráneo volvía a saír a poxa. Xa no 2012 a Seguridade Social sacara a poxa pública, mesmo en dúas ocasións, estas instalacións, e no 2015 o Banco Pastor tiña executado a hipoteca que tiña sobre a propiedade. Ningún deles conseguiu nada, polo que agora é unha multinacional norueguesa especializada no recobro de débedas a empresas, Axactor España a que instalou a execución hipotecaria”, explicou o concelleiro nacionalista, Salvador González.

“A última noticia que tivemos sobre a situación do Complexo de San Roque é de hai case 2 anos, en marzo de 2022, cando o goberno local anunciou que se ampliaba a denuncia ao actual xestor do Complexo. No ano 2021 o Pleno acordaba iniciar os trámites para o desafiuzamento debido aos múltiples incumprimentos da empresa que xestiona o aluguer do hotel e a concesión do aparcadoiro soterrado -que nunca chegou a abrir como tal- e da cafetería”, engadiu o concelleiro do BNG.

“Hai 3 anos o Pleno aprobou co noso apoio tomar medidas legais para o desafiuzamento da empresa concesionaria. Xa era unha decisión que se tomaba moi tarde, agora 3 anos despois e sen que se avanzase, até onde sabemos, neste asunto parécenos que non podemos seguir deixando que pase máis tempo”, insistiu Salvador González.

Por todo isto, desde o BNG pediron ao goberno local que informe da situación actual da concesión do Complexo San Roque e a que convocase de inmediato a comisión  de Investigación sobre o Complexo San Roque para continuar cos seus traballos.

A proposta do BNG para o edificio do antigo asilo García Naveira é estudar convertelo nunha residencia de maiores, cumprindo os fins para os que foi legado este edificio ao concello.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17769193649292