O BNG de Betanzos renova o Consello Local para aspirar á alcaldía en 2027
O BNG de Betanzos celebrou a renovación do seu Consello Local no marco do proceso da XVIII Asemblea Nacional do BNG, que tivo lugar o pasado 1 de decembro en Santiago de Compostela. O novo equipo dirixente, encabezado por María Bonome, asume o reto de fortalecer a organización local e intensificar o traballo social coa veciñanza.
“Temos o compromiso de seguir reforzando o BNG de Betanzos e de traballar conxuntamente coa veciñanza para construír a alternativa que o municipio necesita”, destacou Bonome tras ser elixida como nova responsábel local.
A dirección reafirma a súa aposta por consolidar a estratexia que permitiu ao BNG converterse nunha forza política de referencia en Betanzos. Entre os seus obxectivos principais destaca acadar a alcaldía nas eleccións municipais de 2027, apoiándose no avance histórico logrado nos últimos comicios.
O novo Consello Local está composto por membros destacados como Vanessa Rey, Salvador González e Amelia Sánchez, representantes do Grupo Municipal do BNG, xunto con Henrique del Río e Andrés Otero Botana, antigos portavoces locais; Cristina López, ex-responsábel comarcal; e Beatriz Muíño e Moncho Bouzas, que contan cunha ampla traxectoria dentro da organización.