O BNG de Betanzos reivindícase como a única alternativa fronte a un goberno local sen proxecto e un PP crispado

ACoruñaXa
Amelia Sánchez: “Traballamos con entusiasmo e rigor, a pé de rúa con ducias de visitas a todos os barrios e parroquias, e cunha interlocución permanente co tecido asociativo, na certeza de que as betanceiras e betanceiros merecen máis moito máis e de que o mellor está por vir”
Imaxe do grupo local do BNG en Betanzos
19 Xuño 2024

O BNG de Betanzos reivindicouse a "única alternativa en positivo fronte a un goberno sen proxecto e un PP instalado na crispación e a descualificación”. É a valoración que fai a portavoz municipal do BNG, Amelia Sánchez, cando se fai un ano do inicio do actual mandato municipal.

“Neste ano traballamos a reo para conseguir cambios en positivo para a veciñanza de Betanzos, cambios para democratizar e impulsar a transparencia no concello”, abundou a voceira do BNG. Amelia Sánchez explicou este traballo vense facendo “tanto a través das 121 iniciativas presentadas a pleno neste mandato como con achegas en comisións, aportacións de traballo a documentos como o PXOM ou orzamentos...” cun “traballo rigoroso feito con humildade, mais tamén con firmeza”.

Amelia Sánchez destaca que en todas estas iniciativas e propostas realizados polo grupo municipal do BNG está a vontade do BNG de ser “a alternativa de goberno para Betanzos”. “Traballamos con entusiasmo e rigor, con firmeza pero sempre coa man tendida, a pé de rúa con ducias de visitas a todos os barrios e parroquias, e cunha interlocución permanente co tecido asociativo, na certeza de que as betanceiras e betanceiros merecen máis moito máis e de que o mellor está por vir”, salientou.

“Fronte a un goberno local esgotado e sen proxecto e un PP instalado na crispación e a descualificación permanente, desde o BNG defendemos a política das propostas, a política en positivo para intentar resolver os problemas dos nosos veciños e veciñas”, engadiu Sánchez.

Citou como exemplo as mocións formuladas ao Pleno municipal durante este primeiro ano de mandato para atender as “necesidades reais da cidade”. Entre elas, destacou a proposta de recuperar a xestión directa do ciclo da auga e superar as carencias do actual modelo de abastecemento e saneamento, axilizar a rehabilitación do Pasatempo ou desenvolver un plan integral para rehabitar o Casco Histórico. A reactivación económica de Betanzos, cun plan de estímulo do centro comercial aberto ou a recuperación produtiva do solo agrario ou da ría foron outras das necesidades ás que atendeu neste ano a iniciativa política do BNG.

“Hai un avance en igualdade ao superarse a figura da raíña das festas e houbo un avance no orzamento ao suprimirse as subvencións nominativas por outras ás que todas as entidades se poidan presentar en igualdade de oportunidades, pero falta aínda que se convoquen para que sexan realidade”, destaca a voceira do BNG.

As nacionalistas recordan que xunto a consensuar o PXOM, está pendente a redefinición do servizo de traída e saneamento malia o episodio de contaminación que atravesou Betanzos o pasado ano, o estudo para remunicipalizar o complexo deportivo do Carregal, a garantía de uso do galego por toda a Administración municipal e máis a democratización dos medios municipais de comunicación para garantir que a información é veraz e con respecto ao pluralismo e non publicidade partidista financiada polos impostos da veciñanza. “Estamos traballando en cambios en positivo en documentos fundamentais para o futuro de Betanzos como o PXOM, en temas tan importantes como reservar as zonas inundábeis do Carregal a carón do Mendo para espazos libres e de desfrute dos veciños e veciñas e evitar a construción nestas zonas”, concluíu a voceira nacionalista.

 

0.088388919830322