O BNG de Betanzos reclama melloras urxentes na antiga escola taller de Bellavista

O BNG de Betanzos levará ao pleno municipal de hoxe unha iniciativa para instar ao goberno local a acometer melloras na antiga escola taller de Bellavista, que actualmente acolle obradoiros de emprego promovidos polo concello.
Segundo o concelleiro nacionalista Salvador González, a situación do inmóbel é preocupante. “A finais de novembro denunciouse o mal estado das instalacións, como pingueiras, presenza de mofos, baixas temperaturas debido ao mal estado das fiestras, entre outras deficiencias que afectan á prevención de riscos laborais”, explicou.
O edil criticou a falta de medidas por parte do goberno socialista, que admitiu coñecer a situación pero non adoptou solucións nin ofreceu alternativas. “Non é aceptable minimizar o problema dun edificio que se utiliza para formación de forma habitual”, engadiu.
O BNG alerta de que esta situación podería poñer en risco o desenvolvemento do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, actualmente en marcha nas instalacións. Ademais, González destacou a diminución da oferta de obradoiros respecto da década dos noventa e pediu ao goberno local que promova unha maior variedade de cursos que axuden a formar persoas desempregadas mentres contribúen a mellorar o patrimonio municipal.