O BNG de Betanzos reclama melloras na xestión e salubridade da auga

O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para reclamar ao Concello medidas destinadas a mellorar a xestión da auga e garantir tanto o subministro á poboación como a salubridade dos recursos hídricos do municipio.
Os nacionalistas solicitan actuacións para asegurar o subministro de auga potábel ao conxunto da poboación ante a situación de prealerta por seca, así como medidas a longo prazo que permitan evitar cortes de auga ante posibles episodios de escaseza vinculados á falta de precipitacións e ao cambio climático.
O concelleiro do BNG, Antón Tenreiro, sinalou que a súa formación leva tempo mostrando a súa preocupación pola xestión da auga, un recurso que, segundo apunta, volveu situarse no foco por dúas cuestións: a súa escaseza e a súa calidade sanitaria.
Neste sentido, o BNG reclama ao Goberno municipal que actúe ante a activación da situación de prealerta por escaseza de auga en Betanzos e na conca do Mandeo, motivada pola falta de choivas e as altas temperaturas. Esta situación levou ao Concello a establecer restricións no consumo de auga.
'Situacións como a deste verán van ser unha constante de futuro e temos que estar preparadas para afrontalas e para garantir o subministro de auga', afirmou Tenreiro.
A iniciativa tamén aborda a situación do río Mendo e as verteduras rexistradas no cauce. O BNG reclama medidas para garantir a salubridade da auga ante a falta de probas que permitan determinar a orixe destas verteduras.
A formación nacionalista fai referencia ademais á ratificación por parte da Audiencia Provincial do arquivo da denuncia presentada polo Concello de Betanzos polo brote de norovirus relacionado co episodio de gastroenterite rexistrado en maio de 2023. Segundo sinala o BNG, o arquivo produciuse ao non atoparse indicios suficientes para esclarecer a orixe da vertedura.
'O Goberno debe actuar para garantir a salubridade da auga que consume a poboación e rematar coas verteduras que están a sufrir os nosos ríos', concluíu Tenreiro.