O BNG de Betanzos reclama aclarar a titularidade da pasarela de Infesta para poder reparala

ACoruñaXa
Antón Tenreiro alerta do deterioro da estrutura metálica e pide renovar o pavimento para evitar esvaróns durante o inverno
bng-betanzos
31 Oct 2026

O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para instar o goberno local a realizar as xestións necesarias para esclarecer quen é o titular da pasarela peonil que atravesa as vías do tren en Infesta e impulsar a súa reparación. A formación nacionalista advirte de que o estado da infraestrutura empeora co paso do tempo e que a falta de claridade sobre a súa propiedade impide acometer os traballos de mantemento necesarios.

A pasarela foi construída en 1989 pola Xunta de Galicia para conectar as zonas tradicional e moderna de Infesta, separadas polas vías ferroviarias. Segundo explicou o concelleiro do BNG Antón Tenreiro, a formación leva anos reclamando unha solución a esta situación. Na etapa na que Francisco Jorquera era deputado no Congreso, ADIF xa sinalaba que a titularidade correspondía ao propietario dos camiños que conecta, é dicir, ao Concello de Betanzos. Porén, a Administración local nega ser a propietaria e sostén que a estrutura non figura no seu inventario de bens.

Esta discrepancia mantén bloqueadas as actuacións para mellorar o paso elevado, cuxos elementos metálicos presentan un deterioro progresivo. O BNG considera que o problema afecta tanto á seguridade como á vida cotiá da veciñanza e reclama que se resolva canto antes.

Tenreiro apunta que é necesario substituír o pavimento por outro que reduza o risco de escorregamentos durante o inverno, ademais de intervir sobre o ferro da estrutura para frear a súa deterioración. "Os veciños e veciñas esixen unha solución e o BNG apoia esa reivindicación", sinalou o concelleiro.

0.14603590965271