O BNG de Betanzos propón medidas para unhas festas máis inclusivas

ACoruñaXa
O concelleiro nacionalista, Salvador González: “Estas medidas teñen que ver coa contratación de pirotecnia silenciosa ou coa implantación de horas silenciosas nas atraccións e nas festas infantís que se realizan no Pasatempo”
O concelleiro do BNG, en Betanzos, Salvador González.
12 Ago 2024

O BNG de Betanzos trasladoulle ao goberno local na pasada sesión plenaria unha serie de medidas para facer das festas de agosto un evento máis inclusivo para determinados colectivos vulnerábeis. Estas medidas teñen que ver coa contratación de pirotecnia silenciosa ou coa implantación de horas silenciosas nas atraccións e nas festas infantís que se realizan no Pasatempo.

“No BNG apostamos por unhas festas máis inclusivas e que permitan o desfrute de absolutamente toda a veciñanza, tamén daquelas persoas con Trastorno de Espectro Autista ou similares, que viven con moita anguria o ruído que ocasionan os fogos artificiais”, indicou o concelleiro nacionalista, Salvador González

As nacionalistas explicaron que, mentres a maioría da poboación desfruta cos espectáculos pirotécnicos, para as persoas con hipersensibilidade acústica son sumamente agresivos.

“Desde outros concellos estase a apostar pola contratación de pirotecnia sen ruído, que resulta menos lesiva para as persoas con TEA, para as persoas anciás con problemas neurolóxicas e tamén para as mascotas, que sofren episodios de pánico durante as sesións de pirotecnia”, explicou González.

Na mesma liña as nacionalistas indicaron que numerosos concellos están implantando horas ou días silenciosos nas atraccións infantís. “O goberno local podería negociar coas persoas responsábeis das atraccións para que durante un par horas diarias o funcionamento das atraccións sexa sen músicas ou sons externos e se poida garantir que ningunha persoa con autismo teña problemas para acceder a elas. O mesmo podería facerse nas festas infantís que se desenvolven no Pasatempo”, engadiu.

No BNG amosaron o seu firme compromiso con estes colectivos e indicaron que seguirán a traballar e a facer propostas para conseguir unhas festas e un concello máis inclusivo.

 

0.097290992736816