O BNG de Betanzos propón a creación dun regulamento para a cesión dos locais sociais municipais

ACoruñaXa
A voceira betanceira, Vanessa Rey: "cómpre regular esta situación e darlle a opción a todos os colectivos que forman parte do tecido asociativo de Betanzos a que conten cunha sede propia”
A concelleira do BNG de Betanzos, Vanessa Rey
30 Xul 2024

O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para instar ao goberno local a redactar e aprobar un regulamento para a cesión dos locais sociais municipais ás diferentes asociacións e colectivos.

Segundo as nacionalistas, desde o peche dos locais do andar superior do edificio do Mercado Municipal polas obras de remodelación, a rede de locais sociais so núcleo urbano e do rural está a darlle acollida a diferentes asociacións culturais ou doutra índole. Estas asociacións teñen cedido o uso dos locais que ocupan de maneira temporal, nalgún caso, compartindo con outros grupos un único local.

A concelleira Vanessa Rey indicou que “esta situación fai necesaria a creación dun regulamento que clarifique as condicións de usos destes locais, así como os dereitos e os deberes das asociacións que teñen cedida a utilización destes espazos”.

De igual maneira, desde o BNG indican que certos colectivos solicitan que se abra o debate sobre a posibilidade de cesión a outros entes que non sexan estritamente asociacións, senón tamén a colectivos que conten cunha base ampla de persoas asociadas e que desenvolvan a súa actividade en Betanzos. “Cómpre regular esta situación e darlle a opción a todos os colectivos que forman parte do tecido asociativo de Betanzos a que conten cunha sede propia”, remarcou Rey.

 

0.081284046173096