O BNG de Betanzos pide dotar de medios e dinamizar a Oficina de Rehabilitación Municipal
O BNG de Betanzos pediu ao Goberno local un esforzo en dotar de medios e dinamizar a Oficina de Rehabilitación Municipal. “Unha gran parte dos nosos veciños e veciñas descoñece sequera que temos unha oficina de rehabilitación, as que saben que existe descoñecen o seu horario e as súas funcións”, explicou o concelleiro do BNG, Salvador González. “Esta oficina conta con varios funcionarios e ten como finalidade promover e asesorar sobre a rehabilitación de vivendas privadas. Xustamente por isto, resulta paradoxal que a veciñanza do casco descoñeza a súa existencia e a súa liña de traballo”, engadiu.
“Temos un casco histórico cunhas necesidades tremendas de atención e investimento, temos valos por todo o casco, edificios a caer ou nun estado lamentábel e mentres o concello de Betanzos devolveu o ano pasado máis de 406 mil euros dos 436 mil que recibiu para axudas a rehabilitación. Mais do 93%. Isto vense repetindo ano tras ano sen que se lle busque unha solución”, indicou o concelleiro nacionalista.
“Unha sinxela busqueda de información na web municipal dinos que para chegar a información sobre a oficina de rehabilitación hai que entrar no departamento de urbanismo, e unha vez neste apartado as axudas e plans están sen actualizar desde hai 4 anos”, criticou Salvador González. No BNG consideran que cómpre dinamizar esta Oficina e dala a coñecer ao conxunto da veciñanza do casco e do concello, para evitarmos que se perdan os orzamentos dedicados a subvencionar a rehabilitación de vivenda e, así, impedirmos que o noso casco continúe co seu lento declive.
“Pedímoslle ao goberno local, igual que xa fixemos noutras ocasións, un esforzo en informar á veciñanza das axudas, do apoio que pode ter desde administración local para amañar as súas vivendas na zona histórica, de contacto directo coa veciñanza porque é fundamental para poder saber as súas necesidades e avanzar na conservación das vivendas do noso casco histórico”, concluíu.
Como froito dunha iniciativa no Parlamento de Galiza e a resposta dunha pregunta presentada pola deputada Mercedes Queixas a respecto das medidas que a Xunta de Galiza está a desenvolver no noso casco, puidemos coñecer que “o Concello de Betanzos solicitou unha Área Rexurbe, que foi declarada o 6 de marzo de 2023, pero de momento non presentou o plan de dinamización, no que se indican os obxectivos e as actuacións a realizar”. “Pedimos ao goberno local información os motivos polos que non presentou o mencionado plan de dinamización e aclarar os seus contidos, así como os prazos con que conta para presentalo”, explicou a concelleira do BNG, Vanessa Rey.