O BNG de Betanzos esixe que complete o asfaltado da rúa Úrsula Meléndez de Texeda

O BNG trasladou ao pleno municipal o malestar da veciñanza da rúa Úrsula Meléndez de Texeda, que comunica a rúa do Rollo coa avenida Jesús García Naveira en Betanzos, polo mal estado no que se atopa esta vía. Segundo explicou o concelleiro Salvador González, “hai tempo procedeu ao asfaltado dunha parte da rúa, mentres que no resto botouse unha capa de zahorra, deixando a obra inacabada”.
Ademais, González denunciou “un problema evidente de aparcadoiro en toda a zona”, onde os vehículos aparcan sobre as beirarrúas, provocando o seu deterioro e xerando dificultade para os peóns. Esta situación agrávase nas inmediacións das dúas pontes sobre o río Mendo, no barrio das Cascas, onde “reina o caos debido á falta de prazas de aparcamento delimitadas”.
Por iso, o BNG exixe ao goberno local do PSOE que poña fin “á eterna provisionalidade” das súas intervencións nesta rúa, completando o asfaltado da vía e sinalizando as prazas de aparcamento. Así mesmo, as nacionalistas urxen ao executivo socialista a reparar as beirarrúas deterioradas para evitar maiores prexuízos á veciñanza da zona.
Con esta reclamación, o BNG subliña a necesidade de intervencións que garanticen unha mobilidade segura e ordenada, e reafirma o seu compromiso coas demandas veciñais para mellorar as infraestruturas e servizos no municipio de Betanzos.