O BNG de Betanzos esixe ao PSOE que cumpra co acordo de investidura e convoque as subvencións municipais

ACoruñaXa
O BNG critica o incumprimento do pacto de investidura polo PSOE e denuncia a discriminación entre as entidades culturais, veciñais e deportivas
Salvador González do BNG Betanzos
2 Dec 2024

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) instou ao goberno local do PSOE a convocar de inmediato as subvencións municipais para 2024, sinalando o incumprimento dun dos puntos clave do pacto de investidura asinado en xuño de 2023. Salvador González, concelleiro do BNG, lembrou que o acordo comprometía a substitución dos convenios nominativos por un sistema de concorrencia competitiva, con criterios públicos e obxectivos que permitisen a calquera entidade optar ás axudas.

Os nacionalistas critican que, a pesar de meses de traballo conxunto para implementar este modelo, o goberno socialista só convocou as axudas a entidades deportivas, deixando pendentes as destinadas a asociacións culturais, veciñais e outras. González cuestionou no Pleno “a discriminación” entre entidades e alertou de que a falta de convocatoria dificulta a programación anual destas asociacións, que afrontan agora o remate do ano sen poder xustificar as axudas.

O BNG tamén sinalou que o modelo anterior, mantido polo PSOE, permitía a asignación directa de fondos municipais sen transparencia nin igualdade de acceso. “Os cartos públicos son de todas e todos e deben ser repartidos mediante convocatorias públicas e xustas,” apuntaron.

Desde o BNG reclaman ao executivo socialista que aclare os motivos do atraso e que convoque de inmediato as subvencións pendentes, garantindo o cumprimento do acordo de investidura e promovendo un modelo máis xusto e transparente.

0.15757703781128