O BNG de Betanzos demanda cambios na ordenanza reguladora do Consello Municipal da Cultura

ACoruñaXa
Os nacionalistas buscan ampliar o número de organizacións participantes, aumentar a periodicidade das xuntanzas e recoller os dereitos e deberes das asociacións que forman parte do Consello Municipal da Cultura
A voceira nacionalista no Concello de Betanzos, Amelia Sánchez
1 Apr 2024

O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria coa finalidade de modificar a ordenanza reguladora do Consello Municipal da Cultura, que se reuniu nas semanas pasadas por primeira vez en varios anos logo da petición do Bloque Nacionalista Galego e de varias organizacións culturais betanceiras.

Segundo indicou a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “o Consello Municipal da Cultura, réxese por un regulamento aprobado hai máis dunha década, polo que consideramos que se deberían introducir certas mudanzas co fin de garantir a finalidade participativa co que foi creado”.

Os nacionalistas consideran que se debe abrir a participación a todos os colectivos que realicen actividade cultural no concello de Betanzos, convidándoos a que participen activamente na organización da vida cultural municipal achegando as súas propostas e ideas. Así mesmo, e para darlle dinamismo a este ente, o consideramos que se debe ampliar o número de reunións, para darlles carácter trimestral.

Desde o BNG tamén apuntan que se debe incluír neste regulamento unha epígrafe que recolla os dereitos e deberes das asociacións culturais que forman parte do Consello Municipal de Cultura, así como unha listaxe dos locais municipais que estas asociacións teñen dereito a solicitar para o seu uso puntual ou continuado, así como unha relación do equipamento de que dispoñen os mencionados locais.

“O Consello Municipal da Cultura debe ser un órgano de dinamización cultural, que axude a tecer redes entre as diferentes asociacións betanceiras e que nos converta nun lugar de referencia pola nosa oferta cultural”, indicou Sánchez.

O partido tamén destacou a importancia de fomentar a participación veciñal e a transparencia. “Estes consellos de participación son fundamentais para ter ferramentas de participación nas decisións da administración e para trasladar as necesidades das asociacións e colectivos. Ter en conta as propostas dos diferentes colectivos e colaborar en levar a cabo proxectos é un dos retos fundamentais da administración”, concluíu a voceira nacionalista.

0.18319392204285