O BNG de Betanzos demanda a limpeza das marxes e do leito do río Callou
O BNG de Betanzos instou a limpar as marxes e o leito do río Callou. “A veciñanza de Requián manifestounos a súa preocupación polo estado que presentan tanto as marxes como o propio leito do río Callou. A marxe do río está inzada de vexetación e as augas do río presentan unha cor que parecen indicar altos niveis de contaminación”, explicou a concelleira do BNG, Vanessa Rey.
“Non podemos esquecer que o río Callou é un dos ríos que acaban vertendo na ría de Betanzos, unha das máis contaminadas do noso territorio”, engadiu. Desde o BNG lembran as múltiples iniciativas presentadas polo seu grupo tanto nos Plenos do concello da comarca como no Parlamento de Galiza para esixir que se acabe cos verquidos e que se garanta a calidade da auga da Ría de Betanzos.
“Por iso pedimos que o goberno local inste a Augas de Galiza a efectuar os labores de limpeza preceptivos tanto nas marxes como no leito do río Callou”, concluíu a concelleira nacionalista.