O BNG de Betanzos condiciona o seu apoio ao orzamento de 2026 á posta en marcha do CIM e a unha viraxe na xestión económica

ACoruñaXa
As nacionalistas esixen partidas específicas para habilitar o Centro de Información á Muller nas antigas escolas Manuel Naveira e reclaman disciplina financeira para levantar a intervención de Facenda
BNG MARIÑAS amelia sanchez
13 Jan 2026

O BNG de Betanzos anunciou que supeditará o seu respaldo ao orzamento municipal de 2026, actualmente en negociación co PSOE, a dous compromisos concretos: a consignación de partidas económicas finalistas para crear e poñer en funcionamento un Centro de Información á Muller (CIM) e un cambio profundo na política económica do goberno local, co foco na contención de gastos que consideran prescindibles e na recuperación da disciplina financeira.

Segundo explicou a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, o executivo socialista comunicou recentemente a súa intención de habilitar o CIM nas antigas escolas Manuel Naveira, mais (sinala o BNG) sen concretar dotacións orzamentarias para facelo realidade. 'No BNG non permitiremos que se xogue con este tema e non apoiaremos o orzamento de 2026 se non aparecen as partidas orzamentarias concretas para a súa posta en funcionamento', advertiu.

A formación lembra que leva anos reclamando a creación dun CIM e tamén dun Centro de Orientación Familiar de ámbito comarcal en Betanzos, e subliña que a implantación destes servizos figuraba nos acordos do pacto de investidura asinado no seu día co PSOE de María Barral, polo que non acepta máis demoras.

Xunto a esa demanda, o BNG asegura que trasladará ao PSOE a necesidade dun 'cambio radical' na xestión das contas municipais para dar por finalizada a intervención do Ministerio de Facenda e corrixir as decisións que levaron a esa situación. Entre as medidas que propoñen, mencionan limitar gastos como os destinados a publicidade ou propaganda, axilizar os pagos a provedores e reservar crédito suficiente para asumir esas obrigas sen demoras.

As nacionalistas engaden, ademais, que reclamarán un maior investimento no mantemento do municipio, tanto na área urbana como na rural, co obxectivo de mellorar a limpeza, as infraestruturas e os servizos públicos.

⚙ Configurar cookies
0.081459999084473