O BNG de Betanzos apoiará os orzamentos de 2026, pero advirte de que son 'moi lonxe' do seu modelo

ACoruñaXa
As nacionalistas destacan a partida para crear o CIM, a redución do gasto superfluo e o compromiso de baixar débeda, e ligan a aprobación á presentación de plans de turismo, comercio e vivenda e á convocatoria da Mesa da Ría
BETANZOS grupo bng
31 Jan 2026

O BNG de Betanzos anunciou que apoiará no pleno do 5 de febreiro os orzamentos municipais de 2026 que o goberno local do PSOE levará a debate a próxima semana. As nacionalistas xustifican a súa posición en que as contas incorporan unha parte relevante das propostas que trasladaron na negociación, aínda que advirten de que o documento non responde ao modelo que defendería o Bloque.

A voceira do BNG, Amelia Sánchez, explicou que na negociación reclamaron unha redución do gasto en publicidade e nas atencións protocolarias, unha xestión económica máis rigorosa orientada a diminuír a débeda municipal e unha partida específica para facer realidade en 2026 un Centro de Información á Muller (CIM). Segundo indicou, estes puntos aparecen recollidos no proxecto de orzamentos, polo que darán o seu apoio.

Con todo, o Bloque móstrase crítico coa xestión económica do executivo socialista e considera que as contas teñen un carácter continuísta, centrado en cubrir o funcionamento ordinario do Concello. As nacionalistas sinalan que Betanzos mantén unha débeda 'considerábel', cun crédito bancario superior ao millón de euros, e afirman que o investimento previsto depende en boa medida de fondos doutras administracións, como os plans da Deputación da Coruña, citando como exemplo o propio CIM.

O BNG defende que o seu voto responde a un criterio de responsabilidade para evitar que o municipio continúe cun orzamento prorrogado. “Somos un grupo responsábel e sensato”, afirmou Sánchez, ao tempo que sostivo que un goberno nacionalista non tería conducido, ao seu xuízo, á situación económica actual do Concello.

As nacionalistas engaden que a aprobación das contas leva asociada unha serie de compromisos por parte do goberno do PSOE: presentar e aprobar na primeira metade do ano o plan de turismo, o plan de comercio e o plan de vivenda, ademais de convocar a Mesa da Ría de Betanzos, documentos que consideran necesarios para orientar o futuro do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.084834098815918