O BNG de Bergondo propón un "pacto de Estado" polo polígono de Bergondo

ACoruñaXa
David Carro: “Este pacto suporía a creación dunha Mesa Municipal do Polígono onde todas as partes implicadas se comprometerían a consensuar as accións a levar a cabo para o mantemento e posta en valor deste importante pulmón industrial”
Imaxe do polígono industrial de Bergondo
26 Jun 2024

O BNG de Bergondo vén de propoñer ao resto de grupos con representación na Corporación municipal, a asociación empresarial ASEB e a Comunidade de Propietarios CPPB un "pacto de estado" polo polígono industrial da localidade. Este pacto suporía a creación dunha "mesa municipal do polígono" onde todas as partes implicadas se comprometerían a consensuar as accións a levar a cabo para o mantemento e posta en valor deste importante pulmón industrial.

"O polígono é unha importante fonte xeradora de riqueza e emprego, cónstanos que queda pequeno tanto para a expansión de empresas como para a chegada doutras novas o que fai necesario a súa ampliación. Non menos importante é un adecuado mantemento xeral", indicou o portavoz municipal David Carro.

"Cómpre ser dilixentes e impulsar o noso polígono para que forme parte e incluso lidere parte do espectro tecnolóxico no que se converteu A Coruña e a súa area diversificando así a actividade empresarial. É importante fomentar proxectos innovadores, que fomenten novas liñas de emprego baseadas en investigación, formación e coñecemento, polo que a dotación de espazos de coworking, incubadoras de empresas e centro formativo apoiarán a propia evolución do polígono", afirmou o voceiro do BNG.

"Pode servir como base, en canto a obras, un estudo recente encargado polo concello e que detalla unha serie de actuacións a pequeno, mediano e longo prazo, para o que se necesita dun importante investimento no que deben de implicarse as diferentes administracións, así como as asociacións representativas. Por iso aí propoñemos a creación dunha mesa municipal con representación de todos os grupos representados no concello e as asociacións empresariais, co compromiso desta e futuras corporacións na que se trate todo o que teña a ver co polígono, se trasladen propostas, se debatan e consensúen accións tanto de ampliación, ou o seu mantemento e mellora", concluíu Carro.

0.10971784591675