O BNG de Bergondo preocupase de novo no Parlamento polos recheos de Armuño
A deputada do BNG, Mercedes Queixas, interesouse novamente polos recheos realizados nunha parcela de Armuño - Lubre contigua ao polígono industrial sen adecuarse a licenza. Esta é xa a terceira vez que desde o BNG inciden na importancia de corrixir esta situación a maior brevidade.
"A veciñanza leva case 3 anos en vilo por este recheo que xa provocou no seu día inundacións nalgunha vivenda da zona. As consecuencias poden ser aínda peores xa que, pola orografía da zona, máis vivendas poden verse afectadas. Tamén nos preocupa que poidan afectar á estrada provincial que é a principal vía de comunicación en Armuño", indicou o portavoz municipal, David Carro.
"A APLU abriu expediente de reposición da legalidade por tratarse dun recheo en solo rústico, mais pasado tanto tempo desde a súa apertura a parcela continúa no mesmo estado, os responsábeis fan oídos xordos ao requirimento a pesar de que as súas alegacións xa foron desestimadas. A APLU debe actuar para obrigar a cumprir a legalidade", expuxo a parlamentaria nacionalista, Mercedes Queixas.
Outro recheo ilegal na mesma parroquia
"Ademais deste, vemos que noutra parcela tamén de Lubre se vén de efectuar outro recheo, tamén sen adecuarse á licenza. Desde o BNG puxemos en coñecemento da APLU esta actuación e esiximos celeridade para que non queden impunes. Lamentabelmente se non hai consecuencias os responsables vense con dereito de pernada para continuar incumprindo as normas, algo que non se pode permitir", concluíu Carro.