O BNG de Bergondo levará ao Pleno unha proposta para regular o tráfico no Pedrido

ACoruñaXa
David Carro: “A proposta do BNG pasa por chegar a acordos con propietarios que contan con parcelas libres preto da praia para habilitar unha zona de aparcamento e limitar o tráfico de vehículos nas vías interiores do Pedrido só a residentes”
Imaxe de David Carro, voceiro do BNG en Bergondo
23 May 2024

O BNG de Bergondo presentará no próximo Pleno unha proposta para conciliar os dereitos da veciñanza residente no Pedrido e das persoas que nos visitan no verán. "Nunha parte do Pedrido hai problemas cada verán, época na que se recibe gran cantidade de visitantes, por estacionamentos indebidos que alteran a vida cotiá da veciñanza. Houbo queixas mesmo pola imposibilidade de saír das súas vivendas, situación a que cómpre poñerlle remedio”, indicou o portavoz nacionalista David Carro,

“A policía local acode, pode poñer multas, pero non retirar o vehículo coa normativa actual", explicou o voceiro nacionalista. “A proposta do BNG pasa por chegar a acordos con propietarios que contan con parcelas libres preto da praia para habilitar unha zona de aparcamento, principal carencia desta zona na época estival”, informou Carro. "A rexeneración da zona máis próxima ao mar executada por Costas foi moi positiva no aspecto ambiental, mais non tivo en conta outros aspectos como a necesidade de alternativas para aparcar", expuxo Carro.

Desde o BNG propoñen tamén limitar o tráfico de vehículos nas vías interiores do Pedrido só a residentes. "Creando novos espazos de aparcamento en parcelas próximas a praia pódese limitar a circulación nas vías interiores do Pedrido só as persoas residentes, deste xeito conciliamos a postura de veciñanza e visitantes que sobre todo no verán acoden a praia", concluíu Carro.

0.15967202186584