O BNG de Arteixo pedirá unha regulación máis estrita para a instalación de parques eólicos no municipio
O grupo municipal do BNG en Arteixo, a través do seu concelleiro Raúl Fernández Iglesias, presentará no vindeiro Pleno unha moción titulada “Eólicas si, pero non así”, onde se expón a necesidade de regular a instalación de parques eólicos no concello. A iniciativa subliña que a enerxía eólica é crucial na transición cara a un modelo enerxético sostible, pero debe desenvolverse de forma equilibrada, garantindo a protección do medio ambiente e a participación cidadá.
O BNG insta a que a instalación de proxectos eólicos sexa sometida a un control rigoroso e a estudos de impacto ambiental exhaustivos, co fin de protexer o patrimonio natural, cultural e as actividades económicas locais, como o turismo e o sector agrario. Así mesmo, reclaman que os veciños teñan unha participación activa no proceso de toma de decisións.
A moción será debatida o 26 de setembro no Pleno da Corporación municipal de Arteixo.