O BNG de Arteixo alerta da crise ambiental en Suevos
O BNG de Arteixo denuncia unha grave crise ambiental nas inmediacións do Porto de Suevos, onde verteduras procedentes do Polígono de Sabón están a causar un importante impacto ambiental e social. O problema, concentrado na zona do "Areeiro", afecta a Praia do Porto de Suevos (Areal de Auga Doce) e á estrada DP-3002, que sufriu numerosos cortes ao tráfico, obrigando ao seu desvío polo centro da localidade, con continuos problemas de tránsito.
As verteduras, que se intensifican nos días de choiva ou cando se abren as comportas, están vinculadas a unha deficiente canalización cara ao EDAR de Bens, que non pode xestionar adecuadamente o caudal debido á pendente da zona. A pesar de investimentos previos de máis de 600.000 euros e dun novo proxecto de 800.000 euros, o problema persiste.
O BNG reclama unha solución urxente que priorice a canalización principal para evitar que a insalubridade e os cortes continúen a prexudicar residentes, traballadores e empresas. A formación insta ao Concello de Arteixo a liderar unha resposta contundente e a esixir actuacións efectivas dos demais implicados, como Xestur e o EDAR de Bens.