O BNG de Abegondo reclama unha ordenanza que regule o uso do locais municipais
O BNG solicitará no pleno do Concello de Abegondo que se aprobe unha ordenanza para dinamizar e regular os usos dos locais sociais municipais. O voceiro do partido, Blandino García Roel, indicou que o concello conta con locais socias municipais na maioría das 19 parroquias de Abegondo, aínda que estes non sempre se atopan dispoñíbeis para o uso diario da veciñanza. Ademais de que moitos deles presentan deficiencias que deberían ser tidas en conta polo goberno local.
“A veciñanza que fai uso destes locais, amosa a súa molestia polas barreiras arquitectónicas que algúns locais teñen así como pola pouca actividade que se realiza neles ou mesmo polas dificultades para acceder a eles aínda que non teñan actividades programadas”, sinalou o portavoz nacionalista. “Tamén son constantes as queixas polo seu estado de conservación e de limpeza así como polo limitado dos horarios de apertura, por iso pedimos ao goberno local que aprobe unha ordenanza para regular os seus usos e cesións”, engadiu.
Máis oferta de actividades e mellora das instalacións
Dende o BNG reclaman unha ordenanza que regule os usos e cesións dos locais coa fin de dinamizar a vida social e cultural nas parroquias. “Se isto vai acompañado dun bo deseño da actividades, en colaboración cos movementos sociais e veciñais. De igual xeito poderiamos estender as actividades culturais, que actualmente se veñen deseñando sobre todo nas zonas máis urbanas ao resto de aldeas e parroquias”, conclúe Blandino García.
Doutra banda, tamén piden que se desenvolva un programa de mellora destes locais, non que se recollan o mantemento e a limpeza das instalacións, a eliminación das barreiras arquitectónicas e a instalación de elementos para a eficiencia enerxética dos locais, como placas solares.
Ao marxe destas esixencias, o Grupo Nacionalista Galego tamén denunciou unha democratización do xornal ‘Agora Abegondo’ que o goberno local publica de xeito periódico para difundir as diferentes obras e servizos no concello. Neste sentido, a agrupación política pide que se habilite nesta publicación espazo para as distintas voces que conforman o Concello de Abegondo (asociacións, movementos sociais, movementos culturais, grupos políticos, ANPAS, asociacións deportivas...).