O BNG de Abegondo presenta alegacións ao orzamento municipal

ACoruñaXa
Desde a formación política critican que o 73% das subvencións se adxudiquen “a dedo”
Imaxe do portavoz do BNG de Abegondo, Blan García Roel
12 Xuño 2024

O BNG de Abegondo presentou as súas alegacións ao orzamento municipal do municipio, con achegas en positivo para mellorar o documento. “O orzamento municipal debía estar aprobado antes de final de ano para entrar en vigor a primeiros de ano. Non entendemos como un goberno con maioría absoluta leva 6 meses co orzamento prorrogado se non é por unha cuestión de deixadez”, explicou o portavoz do BNG, Blan García Roel.

“Solicitamos que se reduzan os gastos superfluos, como os da partida de publicidade e propaganda dos órganos de goberno, 23 200 euros, ou en gasto protocolario, 16 000 euros”, engadiu García Roel. “ Pedimos que se reserven 20 mil euros para axudas de emerxencia en caso de vítimas de violencia machista ou violencia vicaria e unha partida para facer unha campaña de concienciación contra comportamentos machistas e contra a violencia de xénero no noso concello”, informou o portavoz do BNG.

Desde o partido demandaron tamén que se reserve unha partida para poder establecer un fondo de subvencións para axudar a aquelas veciñas e veciños que instalen paneis solares nas súas vivendas co gallo de fomentar o autoconsumo eléctrico e un maior esforzo orzamentario en materia de investimentos relacionados co saneamento e coa chegada da auga municipal a todas as parroquias do concello.

“Presentar estas alegacións é a única vía que no BNG temos para achegar as nosas propostas ao goberno local que non escoitou nin aos grupos da oposición, nin á veciñanza, nin aos propios traballadores municipais. É fundamental que o goberno faga un esforzo por chegar a acordos e dialogar e ter en conta as diferentes propostas da veciñanza”, concluíu Blan García Roel.

Cambio no modelo de subvencións

Desde o BNG pediron, tal como recolle a Lei, que o groso das subvencións se concedan en concorrencia competitiva eun plan de subvencións para establecer os obxectivos destas subvencións. “Dado que o orzamento prevé unha cantidade de 87 000 euros en subvencións de adxudicación nominativa a entidades e tan só 31 000 ás eventuais ordes de axudas en concorrencia competitiva. Utilízase como procedemento normal de outorgamento de fondos públicos a entidades sen ánimo de lucro o que a  Lei prevé como excepcional, o 73% da cantidade reservada para subvencións adxudícanse como nominativas”, indicou o voceiro nacionalista.

0.097650051116943