O BNG da Coruña ve con positividade a cesión de parcelas que contribúa a ampliar as zonas verdes do Parque da Agra

ACoruñaXa
A concelleira do BNG Avia Veira sinala que fica pendente modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal
Imaxe da concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira
13 Xuño 2024

O BNG valora positivamente calquera cesión de parcelas que contribúa a ampliar as zonas verdes do Parque da Agra. Este posicionamento do BNG refírese ao convenio asinado polo Goberno Local coa promotora privada Dricar de Inversiones S.L., propiedade de Juan Carlos Rodríguez Cebrián.

“Mais a eficacia do convenio depende en último termo de que se leve a Pleno unha modificación puntual do PXOM que execute a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e que, á vez, estabeleza a ordenación urbanística do Parque da Agra”, afirma ao respecto a concelleira do BNG Avia Veira.

A edil nacionalista remarca que o BNG fixará a súa posición definitiva sobre este proxecto urbanístico “en función do que o Goberno Local propoña para o conxunto do Parque da Agra”.

“Desde logo, e tendo en conta que falamos dun dos barrios máis densamente poboados de Europa, a Agra merece un parque digno de tal nome e, por tanto, un parque coa maior extensión posíbel de zonas verdes e de espazos para o lecer da veciñanza”, engade.

De resto, Veira pon o acento en que fica pendente o derrubamento dos muros das rúas Gregorio Fernández e Canceliña e a conseguinte apertura ao público do Xardín do Observatorio, fechado ao público desde a pandemia, e nesa dirección salienta que o BNG se preocupou de que houbese nos orzamentos do Concello deste 2024 unha partida para financiar esa actuación.

En marzo de 2023, o Goberno Local asinou un convenio coa Axencia Española de Meteoroloxía para reabrir o Xardín do Observatorio, acondicionar o espazo -por volta de 5.000 metros cadrados de zonas verdes- e delimitar a área da delegación da AEMT.

15 meses despois, nada foi feito e a veciñanza continúa sen poder acceder ao Xardín do Observatorio, o xerme do que no futuro terá que ser o Parque da Agra.

 

 

 

 

0.17994499206543