O BNG da Coruña ve con optimismo a sinatura do protocolo sobre a fachada marítima

ACoruñaXa
“Todas as administracións teñen que participar e colaborar, tamén economicamente. Por iso pensamos que é necesario constituír un consorcio”
Imaxe do voceiro do BNG na Coruña, Francisco Jorquera
22 Maio 2024

O portavoz do BNG no Concello da Coruña e presidente da Comisión Especial da Fachada Marítima, Francisco Jorquera, avalía como “positiva” a sinatura do protocolo entre as distintas administracións públicas para a transformación dos terreos do porto interior -feita esta mañá en María Pita-, mais ao tempo advirte que “simplemente marca un comezo, está todo aínda por facer”.

Dende o BNG apuntan que sempre defenderon que a transformación do porto interior, o deseño da nova fachada marítima da cidade, é unha tarefa que compete a todas as administracións públicas, polo que estas “teñen que participar e colaborar, tamén economicamente”. De aí que a mellor fórmula sexa a de constituír un consorcio, remarcou.

Neste sentido, o BNG avalía como positivo que se parta da idea de os peiraos manteren a titularidade pública, ben como tamén o consenso entre as administracións sobre a necesidade de a dársena interior continuar a ser un motor económico da cidade e de Galicia.

Canto ao compromiso de reestruturación da débeda que pesa sobre a Autoridade Portuaria coruñesa pola construción do porto exterior, Jorquera xúlgao como “un primeiro paso, mais insuficiente: hai que demandar a condonación”.

 

0.093619823455811