O BNG da Coruña urxe ao goberno local a licitar o proxecto do parque Monte do Vixía

ACoruñaXa
O Parque do Vixía afectaría un ámbito de 16.000 metros cadrados, dos cales 6.000 son municipais, e na contorna hai catro centros educativos, dúas escolas infantís
Imaxe da concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira
1 Xul 2024

A concelleira do BNG da Coruña Avia Veira vai defender no Pleno deste xoves 3 de xuño unha moción por medio do cal insta o Goberno Local a que licite canto antes o proxecto do Parque do Vixía, que se convertería unha zona verde en Monte Alto para a que xa hai unha partida nos orzamentos de 2024 por un valor de 1,2 millóns de euros.

O proxecto foi presentado polo Goberno Local xa no mandato anterior, en decembro de 2020. Mais desde aquela non deu os pasos precisos para o materializar. É por isto que o BNG, na negociación dos orzamentos do Concello para 2024, puxou para dotar cunha partida esta actuación. Finalmente, as contas incorporaron un crédito de 1,2 millóns de euros.

“Porén, seis meses despois de entraren en vigor os orzamentos, o Goberno Local non moveu nin un papel para executar o proxecto”, denuncia Avia Veira. “Esta é unha demanda do tecido veciñal de Monte Alto. É unha actuación moi demandada no barrio”, alega.

O Parque do Vixía afectaría un ámbito de 16.000 metros cadrados, dos cales 6.000 son municipais, e na contorna hai catro centros educativos, dúas escolas infantís (a Luís Seoane e a Galiña Azul de Monte Alto) e dous CEIP (o Víctor López Seoane e o Torre de Hércules). As ANPAS destes centros, “cos que recentemente mantivemos un contacto”, demandan desde hai meses que o proxecto se leve a termo.
“Estamos a falar dunha nova zona verde para o barrio de Monte Alto, situada nunha área moi densamente urbanizada e que carece de espazos libres para o desfrute da veciñanza, e nomeadamente para as crianzas”, subliña.

En definitiva, o BNG defenderá no Pleno do xoves unha moción “coa que pretendemos que o Goberno Local se implique e impulse o Parque do Vixía dun xeito decidido, levando ao Pleno e á Xunta de Goberno Local os acordos necesarios para o facer realidade”.

0.1852490901947