O BNG da Coruña tratará no Pleno a falta de diálogo do Goberno local coa xunta de persoal

ACoruñaXa
Os nacionalistas levan ao pleno deste xoves a falta de diálogo do Goberno local coa xunta de persoal en relación á elaboración da nova relación de postos de traballo
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
10 Abr 2024

O concelleiro do BNG na Coruña  David Soto faise eco da “queixa unánime” de “todas as centrais sindicais” con representación no Concello e leva ao Pleno deste xoves 11 a falta de diálogo do Goberno Local coa representación das traballadoras e traballadores municipais, nomeadamente en relación á elaboración da nova Relación de Postos de Traballo (RPT).

Faino en forma dunha pregunta oral que reza así: “Que balance fai o Goberno Local do cumprimento das súas obrigas para coa Xunta de Persoal”.

“As e os representantes das e dos traballadores téñennos trasladado unha queixa unánime: a falta de disposición ao diálogo con elas por parte do Goberno Local no que atinxe a asuntos como a Relación de Postos de Traballo, a formación do persoal, a creación de mesas técnicas ou a adxudicación de xefaturas de servizo”, refire Soto.

Canto á RPT, o concelleiro nacionalista salienta que “xa debería estar en marcha desde hai bastantes meses e que é necesaria para a eficiencia organizativa do propio Concello”. A nova RPT debe ser froito do diálogo co persoal municipal, resalta Soto.

“O Goberno Local ten que cumprir co deber de dialogar coas traballadoras e traballadores municipais para que o Concello funcione como debe e como lle esixe e espera a veciñanza da cidade”, conclúe.

0.1473548412323