O BNG da Coruña teme que os recortes nas Festas de María Pita afecten máis aos artistas locais que aos de fóra

ACoruñaXa
O partido lembra que o IMCE chegou a acumular facturas impagadas correspondentes a 2023 por un valor de 4,1 millóns de euros, unha débeda que finalmente se puido saldar de forma íntegra
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
2 Xul 2024

O BNG da Coruña teme que o “axuste económico” anunciado polo concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, para as festas de María Pita deste 2024 recaia fundamentalmente nas e nos artistas locais.

Así o considera a concelleira nacionalista Mercedes Queixas, quen vai dirixir unha pregunta oral ao Executivo coruñés no Pleno deste xoves 4 de xullo. A cuestión reza así: “Tomou nota o Goberno Local das consecuencias sobre os sectores da cultura provocadas pola irregular xestión política do IMCE?”.

A este respecto, Queixas considera que “a cultura do derroche” practicada por este Goberno Local “tivo consecuencias moi negativas para as e os traballadores da cultura e tamén para as arcas do Concello”.

Nese sentido, a concelleira nacionalista lembra que o IMCE chegou a acumular facturas impagadas correspondentes a 2023 por un valor de 4,1 millóns de euros, unha débeda que finalmente se puido saldar de forma íntegra -e sen discriminar ningunha empresa nin acredor- “grazas á presión política do BNG”.

Mais agora o BNG teme que as prácticas irregulares de 2023 non cesasen. “Temos a impresión de que se están anunciando concertos sen contratos e sen a reserva de crédito correspondente. E por iso temos solicitado por escrito que se nos faciliten os contratos das actuacións que a alcaldesa anunciou en Fitur en xaneiro pasado”, di Queixas en relación, a entre outros eventos, ao Morriña e ao Recorda Fest, ás Noites do Porto, ao Coruña Sounds ou aos concertos de Vetusta Morla e Xoel López (como cabezas de cartaz do Noroeste) ou o de Mikel Erentxun para as festas de San Xoán.

“Solicitamos eses contratos e tamén as facturas pendentes de pagamento deste 2024 e continuamos sen resposta. Desde logo preguntámonos a que vén esta opacidade”, remarca.

A principal inquietude do BNG é que os recortes anunciados para as e os artistas da Coruña (a rebaixa de orzamentos para elas eles alcanzaría 60%) non se aplique na mesma medida ás e aos artistas de fóra da cidade.

“Está o Goberno Local recortando orzamento ás e aos creadores locais e mantendo a cultura do dispendio cos de fóra? Habémosllo preguntar no Pleno do próximo xoves”, conclúe Queixas.

0.17801690101624