O BNG da Coruña reclama que a xornada da eclipse respecte a ordenanza acústica e aposte pola divulgación científica

ACoruñaXa
Avia Veira presenta un rogo oral no Concello para pedir que non se instalen equipos de música no exterior dos locais de hostalaría e que os museos científicos teñan un papel protagonista
eclipse-solar
20 Jul 2026

O BNG da Coruña levou ao Concello un rogo oral no que solicita que a celebración da xornada da eclipse se desenvolva respectando a ordenanza municipal contra a contaminación acústica e cunha programación centrada na divulgación científica. A iniciativa foi rexistrada pola portavoz municipal e candidata á Alcaldía, Avia Veira.

A formación nacionalista considera que este fenómeno astronómico constitúe unha oportunidade para promover o coñecemento científico e dar visibilidade aos museos científicos da cidade, polo que entende que non debe tratarse como un evento festivo máis.

No texto presentado, o BNG pide ao Goberno local que faga cumprir a normativa municipal e impida que os establecementos de hostalaría instalen altofalantes ou equipos de música no exterior durante a tarde e a noite da eclipse. A formación defende que esta medida contribuiría a garantir a convivencia e o descanso da veciñanza, especialmente nas zonas con maior concentración de locais.

Avia Veira asegura que “chamounos moito a atención que a alcaldesa anunciara que, durante o horario clave da eclipse, lle ían pedir aos locais de hostalaría que se apagasen os altofalantes e os equipos de son situados no exterior. E chamounos moito a atención porque os locais non poden reproducir música na rúa”.

A portavoz municipal engade que “pode ter un pase que a hostalaría poda colocar barras no exterior, sempre cumprindo horarios e respectando o dereito á accesibilidade de todas as persoas. Mais o que non pode ser é que se incumpra a Ordenanza contra a contaminación acústica e se reproduza música na rúa”.

Segundo o BNG, se non se adoptan medidas específicas, os residentes das zonas céntricas, onde se concentra unha maior actividade hostaleira e onde xa soportan elevados niveis de ruído, volverán verse prexudicados. Neste sentido, Veira advirte de que “vaise ver novamente afectada pola decisión de converter un fenómeno único e unha experiencia fascinante nunha verbena”.

A través deste rogo oral, a formación insta o Executivo municipal a orientar a programación arredor da eclipse cara á divulgación e á observación responsable do fenómeno. Para o BNG, este acontecemento “pode e debe observarse en comunidade, de xeito responsábel e coas precaucións e recomendacións científicas”, polo que considera que a cidade debe aproveitar a ocasión para potenciar o papel dos seus museos científicos.

0.12302494049072