O BNG da Coruña propón utilizar o estudo da UDC dirixido por Carlos Nárdiz como “fundamento” para a fachada marítima
Esta mañá compareceu na Comisión Especial da Fachada Marítima, no salón vermello do Pazo de María Pita, o profesor Carlos Nárdiz, director do equipo da UDC que elaborou o documento “Definición dunhas liñas estratéxicas para a reordenación do espazo portuario interior”.
A presenza de Nárdiz -como a anterior, a de Martín Fernández Prado, coa que se abría a rolda de comparecencias neste órgano do Concello- foi proposta polo BNG, en concreto polo seu portavoz e tamén presidente da Comisión Especial, Francisco Jorquera.
“Concordamos con moitas das liñas estratéxicas que dan forma ao estudo realizado polo equipo da UDC baixo a dirección de Carlos Nárdiz. É unha achega moi interesante a un debate social que ten que estar aberto á participación de moitos axentes e colectivos cidadás”, afirma Jorquera.
Ese debate non debe estar prefigurado por ningún traballo previo, pero desde logo as achegas feitas até o de agora -e especialmente este estudo- “non deben ser desterradas ao baúl das lembranzas”, salienta.
Nesa dirección, Jorquera entende que o estudo da UDC –“obviamente suxeito a matices e adaptacións ao momento e ás necesidades actuais- pode ser perfectamente “a base” a partir da cal se desenvolvan os traballos para o deseño da nova fachada marítima da cidade.