O BNG da Coruña propón ao Concello que adopte "medidas extraordinarias" ante a folga de recollida de lixo
Ante a forma en que se está a producir a folga na recollida do lixo (con días en que non está declarada, pero continúa de forma encuberta, e coa falta de cumprimento dos servizos mínimos) o grupo municipal do BNG na Coruña propón a adopción de “medidas extraordinarias” por parte do Goberno Local, “ao abeiro do que establece a lei”.
Nunha emenda de adición a unha moción proposta polo Partido Popular para o seu debate no Pleno deste xoves 4X, asinada por Francisco Jorquera, o BNG insta o Goberno Local a pór en práctica “as medidas extraordinarias que sexan necesarias para evitar que a actual situación derive nun problema de saúde pública”.
“Do punto de vista do BNG, non abonda con que a alcaldesa medie entre a concesionaria e os traballadores. O Concello ten que utilizar todas as ferramentas que ten na súa man” para garantir que a acción do STL -un suposto sindicato investigado por graves delitos- non afecte a saúde das coruñesas e os coruñeses, remarca Jorquera.
O portavoz do BNG no Concello sitúa a orixe deste asunto “no problema enquistado que existe nos servizos de limpeza viaria e de recollida do lixo”, isto é, na existencia dun grupo que se ten arrogado as competencias sobre a contratación e a promoción do persoal e que, en función diso e presuntamente, ten cometido graves delitos. “Mentres este problema non se resolver, é inevitábel que episodios como os destes días se produzan periodicamente”, advirte.
As competencias sobre a contratación e promoción interna do persoal non poden “ser dun grupo nin dun señor”, di Jorquera en referencia ao STL e ao seu secretario xeral, “senón que son competencia da concesionaria e é obriga do Concello velar por que a equidade e a transparencia rexan as condicións en que se contrata ou se promove traballadores, tendo en conta que estamos a falar dun servizo de titularidade municipal por máis que sexa prestado en réxime de concesión”, resalta.
Na emenda nacionalista ao texto do PP, o BNG pide que o Goberno Local supervise de forma rigorosa o cumprimento estrito do contrato por parte da concesionaria e que impoña “as penalidades pertinentes” en caso de incumprimento.
O BNG demanda tamén que o Executivo coruñés colabore na investigación xudicial en curso ao STL -pola presunta comisión de delitos de estafa, corrupción e branqueamento de capitais- e que “leve a cabo unha investigación interna co obxecto de evitar prácticas de control da contratación nos servizos de limpeza viaria e recollida do lixo que vulneren os principios de equidade e transparencia”. Lonxe de considerar que unha investigación interna no ámbito do Concello puidese solapar as pesquisas xudiciais, Jorquera considera que aquela sería “complementaria” destas.