O BNG da Coruña pide no Pleno o cese do Tenente do Alcaldesa, Lage Tuñas
Durante a comparecencia, no Pleno ordinario celebrado no Concello da Coruña este xoves, do concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, para dar conta de obras realizadas sen licenza nun inmoble da súa propiedade, o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, instou a alcaldesa a que asuma que “se actuou irregularmente” e a que “pense en depurar as responsabilidades políticas”.
O tamén portavoz do Goberno Local desprazou á empresa construtora a responsabilidade da tramitación dos distintos actos administrativos relativos ás obras realizadas no inmóbel, afirma que se abstivo na tramitación dos expedientes e que a licenza contaba con todos os informes técnicos e xurídicos. Chamou tamén a oposición a ir á Fiscalía se observaba indicios de delito.
Este último argumento xa foi utilizado nos últimos días pola propia alcaldesa. Se cadra o fixo “porque derivando as cousas a unha cuestión xudicial escapaba de responder politicamente”, avalía Jorquera. Porque, remarcou, ao BNG “non lle constan feitos delictuosos para acudir á Fiscalía. O que si nos consta son irregularidades que consideramos graves. E que requiren de explicacións e da asunción de responsabilidades políticas”.
Irregularidades que foron explicitadas por Jorquera en forma de preguntas concretas que Lage deixou sen responder:
“Non é certo que se inscribiu como vivenda no rexistro da propiedade un inmóbel que era oficina e cuxa licenza para ese cambio a tal altura non estaba solicitada?
Non é certo que se pretendeu un cambio de uso do inmóbel a través dunha comunicación previa, cando ese cambio se debe tramitar a través da solicitude e concesión de licenza, como indica a Lei do solo de Galicia?
Non é certo que se incumpriron dúas veces os prazos dados para achegar a documentación para a obtención da licenza?
É falso que se iniciaron as obras sen ter concedida a licenza e que se incumpriu a orde de paralización das obras, recollida nun decreto asinado o 23 do 10 de 2023 que indica claramente a obriga de paralizar as obras até a obtención da licenza?”.
E a esa altura quixo pór o acento Jorquera en que o BNG non cuestionou o recto proceder das e dos funcionarios, senón todo o contrario: “Todo isto que estamos a dicir é o que se conclúe dos propios informes dos funcionarios”.
Alén das irregularidades devanditas, o portavoz nacionalista denunciou que a concesión da licenza se realizou “nuns prazos moito máis rápidos dos habituais”, até o punto de que “se obtiveron todos os informes necesarios para a concesión no mesmo día”.
Os indicios racionais que levan o BNG a afirmar que se produciron anomalías graves apuntan desde a denuncias veciñais -con data 16 de xaneiro, un veciño dá conta dun furado na fachada do edificio sen dispor do permiso da comunidade, cando a licenza da obra se concede o 6 de marzo- até un informe policial de 27 de xaneiro de 2024 onde se di: “Os policías desprázanse ao lugar indicado onde unha vez que acceden ao inmóbel observan como se están a executar obras de reforma nas vivendas existentes no primeiro andar”.
E hai máis: no propio informe proposta de concesión da licenza cítase un informe do inspector de Urbanismo datado o 4 de marzo (o 6 é que cando se concede a licenza) en que sen asomo de dúbida se constata a realización das obras: “O 4 de marzo de 2024, xírase visita inspección e obsérvase que se teñen realizado obras de segregación, dividírono en 2, a distribución dos pisos está rematada e corresponde cun plano que se encontra pegado nun tabique da obra, obsérvase que se tapiaron unhas xanelas, as saídas de gases están conectadas a sendas canalizacións que en aparencia desaloxan pola saída do edificio”.
De todo isto infire Jorquera que “o substancial é se houbo trato de favor se o sucedido é coherente co deber de exemplariedade que se lle debe esixir a un responsábel político”. “E non é exemplarizante, precisamente, que o titular da área de Planificación Urbana faga as obras sen licenza e desoia as ordes de paralización das obras”.
Se actúa así, que lexitimidade pode ter “para esixir que se respecte a disciplina urbanística” e que se lle pode dicir á xente “que segue escrupulosamente os procedementos e quéixase de que ten que agardar meses e meses pola concesión da licenza”.
“Por iso o BNG cre que hai que asumir que se actuou irregularmente e cre tamén que a alcaldesa debe pensar en depurar as responsabilidades políticas”, concluíu Jorquera.