O BNG da Coruña pide cubrir as prazas vacantes no Centro de Orientación Familiar de Orillamar
O BNG esixe ao Goberno Local que cubra as prazas vacantes no Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar, dependente do Concello, para garantir o pleno funcionamento dun servizo fundamental para a saúde sexual e reprodutiva das mulleres da cidade.
A concelleira do BNG, Mercedes Queixas, denunciou no Pleno do pasado 9 de xaneiro que o cadro de persoal actual do COF é insuficiente, xa que só conta cunha traballadora social e unha administrativa. A praza de psicóloga clínica leva vacante desde a xubilación da súa titular en maio de 2023, e dúas das tres prazas administrativas tamén están sen cubrir.
“É imprescindible que o Goberno Local actúe con urxencia para completar as prazas de psicóloga clínica e administrativas, garantindo así o funcionamento óptimo dun servizo esencial para as mulleres”, declarou Queixas, quen subliñou que este desmantelamento acelerado non é propio dun goberno que se di progresista.
A situación é especialmente preocupante dado que a Xunta tamén leva incumprindo sistematicamente as súas obrigas co COF de Orillamar, onde aínda permanece vacante unha praza de xinecoloxía, agravando así a precariedade do servizo.
“A falta de persoal administrativo tradúcese en longas esperas telefónicas para as usuarias, xa que a única traballadora dispoñible está desbordada”, engadiu Queixas, reclamando unha resposta inmediata para evitar que este servizo esencial continúe deteriorándose.