O BNG da Coruña pide ao PSOE que esclareza as denuncias internas: 'Se son certas, son feitos lamentábeis'

ACoruñaXa
Francisco Jorquera chama a investigar o ocorrido, distingue o caso doutros de acoso sexual e ve detrás unha 'guerra interna' no socialismo coruñés e galego
A CORUÑA Jorquera bng
19 Dec 2025

O portavoz municipal do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, reclamou este venres que o PSOE e a alcaldesa, Inés Rey, ‘investiguen’ e aclaren as denuncias internas presentadas por dúas exconcelleiras socialistas por presunto acoso no anterior mandato. Jorquera asegurou que, de confirmárense os feitos descritos, serían ‘lamentábeis’ e pediu abordalos con ‘rigor’ e ‘ponderación’, sen restar importancia ao que se denuncia.

O líder nacionalista marcou distancias respecto doutros episodios coñecidos recentemente no ámbito socialista, ao subliñar que non se trata dun caso de acoso sexual. Tamén matizou que, na súa interpretación, tampouco encaixaría no concepto clásico de acoso laboral, xa que non se estaría falando dunha relación xerárquica entre superiores e persoal subordinado, senón de ‘broncas, leas, malos modos’ ou un presunto hostigamento entre cargos electos que compartían goberno.

Jorquera amosou ademais a súa sorpresa polo momento no que se formalizan as denuncias. Segundo indicou, estas tensións xa foran mencionadas no pasado, incluso nun pleno municipal, ‘sen que as persoas que agora denuncian os confirmasen’, e recordou que ambas exedís continuaron nos seus postos ata o remate do mandato. Nese contexto, interpretou que a decisión de activar agora a vía interna ‘ten que ver cunha guerra interna no PSOE galego e no PSOE coruñés’, algo que considera especialmente grave por tratarse do partido que goberna a cidade.

O portavoz do Bloque tamén rexeitou sumarse á esixencia do PP, que pide a dimisión de Rey e do voceiro do goberno municipal, José Manuel Lage. Jorquera replicou que os populares ‘non teñen lexitimidade’ para dar leccións e puxo como exemplo un caso recente na política galega para cuestionar a postura do PP neste debate.

⚙ Configurar cookies
0.078223943710327