O BNG da Coruña pide ao Concello o comezo das obras nas casas do Franco no Ventorrillo
O BNG da Coruña, sinala que ao alén do chamado proxecto de reurbanización do espazo público da Área de Rehabilitación e Rexeneración Urbana do Ventorrillo-Casas de Franco (contestado pola veciñanza e cun recente mandato do Pleno para o Goberno Local o consensuar coas persoas afectadas) fica pendente as obras de rehabilitación dos edificios e vivendas comprendidas nesa zona.
É por isto que o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, vén rexistrar unha pregunta por escrito para saber cando ten previsto o Goberno Local que se inicien as obras de rehabilitación da devandita área.
As obras estarán financiadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Ministerio de Vivenda.
Jorquera asina esta iniciativa porque “aínda que as persoas titulares das vivendas afectadas xa abonaron as taxas estipuladas o 27 de xaneiro de 2022, continúan sen ter información de cando se iniciarán estas obras de rehabilitación”.
No referido ao proxecto de reurbanización do espazo público, asunto que o BNG levou ao Pleno a principios deste mes, Jorquera remarca que o Goberno Local ten que consensuar coa veciñanza “melloras no proxecto destinadas a garantir a accesibilidade universal na área de intervención, coa eliminación de barreiras e dos perigos relacionados co illamento visual”.