O BNG da Coruña pide á Xunta que obrigue aos Franco a abrir ao público a Casa Cornide

ACoruñaXa
Os herdeiros do ditador deberían ter permitido un réxime de visitas ao palacete xa desde maio de 2021, momento en que se incoou o expediente de declaración como BIC
Jorquera e Queixas terman da faixa do BNG nunha marcha cívica pola recuperación da Casa Cornide
16 Abr 2024

A Casa Cornide na Coruña foi declarada pola Xunta como Ben de Interese Cultural en 2023, despois de o Parlamento galego ter aprobado en 2020 unha iniciativa do BNG defendendo esa catalogación para o palacete que en tempos foi sede do Concello coruñés.

Mais xa desde o 14 de maio de 2021 (momento en que comeza a incoación do expediente de declaración como BIC) o edificio gozaba de protección e os seus titulares contraían obrigas, entre elas a de fixar un réxime de visitas ao público de no mínimo catro días ao mes (catro horas cada un deses días).

Pois ben, o BNG denuncia que desde hai 3 anos a familia Franco (que usurpou o inmoble durante a ditadura) incumpre as súas obrigas e non permite o acceso do público á Casa Cornide. E o peor é que, salienta a deputada do BNG Mercedes Queixas, “a Xunta olla para outro lado”.

É por isto que Queixas acaba de rexistrar tres preguntas  (dúas orais para comisión e Pleno e unha por escrito) instando a Xunta a que force de vez os Franco a cumprir coas súas obrigas como titular dun BIC abrindo ao público a Casa Cornide.

“Levan tres anos incumprindo a lei, tres anos en que a Xunta non fixo absolutamente nada para garantir o dereito da veciñanza a acceder ao interior dun edificio que en tempos acolleu o Concello da Coruña e cuxa titularidade debe ser restituída ao patrimonio público canto antes”, afirma Mercedes Queixas.

A deputada do BNG polo Coruña inquire tamén a Xunta se técnicos da Administración galega teñen accedido á Casa Cornide para realizar o inventario dos bens móbeis alí contidos e evitar que, como ten denunciado a veciñanza, a familia Franco retire obxectos de valor artístico, histórico e patrimonial que fosen usurpados durante a ditadura.

0.1938750743866