O BNG da Coruña pedirá no Pleno mellorar a accesibilidade do Barrio das Flores

ACoruñaXa
Sinalan que un veciño do Barrio das Flores cunha discapacidade recoñecida do 92% xa leva presentados dous escritos no rexistro do Concello e que estes aínda non foron solucionados polo Goberno local
Imaxe do Barrio das Flores da Coruña
26 Mar 2024

O BNG da Coruña levará ao Pleno de abril os problemas de accesibilidade presentes para as persoas con discapacidades nun edificio do Barrio das Flores situado na rúa das Hortensias número 1.

Neste sentido, dende o partido nacionalista sinalan que un veciño do Barrio das Flores cunha discapacidade recoñecida do 92% xa leva presentados dous escritos no rexistro do Concello, o primeiro o 30 de decembro de 2022, o segundo o pasado 6 de marzo, sen que desde o Goberno Local se lle dese solución ao problema que formula: a inaccesibilidade para el do edificio situado na rúa das Hortensias.

A única forma de acceder á entrada dese edificio desde a Rúa das Hortensias ou a Avenida de Monelos é subir unhas escaleiras. Por iso o veciño solicita a colocación dunha rampla ou dun pequeno elevador de escada, tamén coñecido como salvaescaleiras.

Sabendo que a súa petición aínda non foi satisfeita, o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, levará o asunto ao vindeiro Pleno ordinario do mes de abril, en forma de rogo oral, e cun texto que reza así: “Que o Goberno Local realice as accións necesarias para que se dote dunha rampla ou un pequeno elevador de escada ao acceso ao edificio situado na Rúa das Hortensias número 1, no Barrio das Flores, co obxecto de asegurar a accesibilidade ao devandito edificio”.

0.18824791908264