O BNG da Coruña levará ao Pleno a xestión do campo de golf da cidade

ACoruñaXa
No pasado mandato, o Executivo coruñés valorou a opción de subscribir un convenio coa Federación Galega de Golf. Ao estar sen contrato desde 2017, o campo está cada vez en peores condicións por falta de mantemento
Imaxe do voceiro do BNG na Coruña, Francisco Jorquera
17 Abr 2024

O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, dirixiu unha batería de preguntas por escrito ao Goberno Local en relación á xestión do campo de golf.

A través delas, Jorquera quere saber que vai facer o Executivo coruñés para que a xestión do campo de golf, cuxa concesión caducou en 2017, se deixe de prestar en precario.

“O estado do campo de golf da Torre e as incertezas sobre o seu futuro están a causar unha lóxica inquedanza ás persoas usuarias da instalación e ao cadro de traballadoras e traballadores”, afirma o voceiro nacionalista na exposición de motivos desta iniciativa.

No pasado mandato, e con Mónica Martínez á fronte da Concellaría de Deportes, o Goberno Local parecía inclinarse pola hipótese de subscribir un convenio coa Federación Galega de Golf para esta entidade se facer cargo da xestión.

Jorquera interpela agora o Goberno Local se está continúa a ser a súa opción preferente e, en caso afirmativo, se interesa por saber se “houbo avances ao respecto”.

Mentres tanto, e dado que a concesión caducou en 2017, as instalacións continúan a se deteriorar por falta de mantemento. Isto obriga o Concello, considera Jorquera, a adoptar medidas inmediatas para garantir que o campo presente un estado aceptable.

“Entre as múltiples deficiencias”, relata, “hai que sinalar o mal estado das redes perimetrais e das casetas, a existencia de fochas no campo de prácticas, ben como tamén o mal estado da maquinaria e os problemas de drenaxe que provocan a formación de charcos cando chove”.

Todo isto leva Jorquera a remarcar que “urxe arbitrar unha solución de futuro para o campo de golf e, mentres tanto, o Goberno Local debe levar a cabo as accións necesarias para asegurar o bo estado das instalacións”.

0.12371397018433