O BNG da Coruña levará ao pleno a "delicada" situación económica da empresa municipal EMVSA
O BNG da Coruña informa de que a concelleira Avia Veira vai levar ao Pleno deste xoves, en forma de pregunta oral, a delicada situación económica en que se acha a Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA), agravada por que o Goberno Local non lle transferiu os 750 mil euros que lle demandaba a dirección da empresa.
“Como ten pensado o Goberno Local afrontar a situación económica de EMVSA?”, así reza a pregunta que dirixirá Avia Veira ao Executivo coruñés.
“EMVSA leva tempo arrastrando unha situación insostíbel a nivel económico e a situación ten empeorado ao non atender o Goberno Local a solicitude de inxección orzamentaria por valor de 750 mil euros que lle formulou a empresa. Ese diñeiro era crucial para garantir o correcta desempeño das encomendas que ten atribuídas EMVSA”, relata Veira.
Dende o partido , sinalan que estamos a falar dunha empresa municipal que xestiona múltiples servizos: BiciCoruña, diversos aparcadoiros, o polideportivo do Castrillón, a bolsa de vivendas en aluguer para persoas en situación de vulnerabilidade...
“Son múltiples encomendas, mais cun financiamento deficiente, o que pode levar a empresa a ter serios problemas no curto prazo”, alerta a concelleira nacionalista.
Veira denuncia que o Goberno Local “nos ocultou esta necesidade de financiamento de EMVSA” e lamenta que esa partida de 750 mil euros non fose incluída nos orzamentos do Concello para 2024.
A ausencia desa partida levou o BNG a se opor, no Consello de Administración EMVSA, a aprobar o Plan de Actividades e Investimentos e Financiamento da empresa municipal por ser “irreal ao non contemplarse esa inxección económica nos orzamentos do Concello”. “Isto pasou en xaneiro deste ano e o Goberno Local en seis meses non moveu un só papel para resolver a situación”, conclúe Veira.