O BNG da Coruña leva ao Pleno o incumprimento do acordo sobre os salarios da conserxaría das instalacións deportivas
O concelleiro do BNG, David Soto, levará ao Pleno municipal deste xoves, 3 de outubro, o incumprimento do acordo orzamentario alcanzado entre a súa formación e o PSOE respecto ás melloras salariais do persoal da conserxaría das instalacións deportivas municipais. Este acordo, que foi fundamental para aprobar os orzamentos vixentes, tiña como obxectivo garantir a suba salarial comprometida hai 14 meses, pero segue sen ser cumprido polo Goberno Local.
Durante o Pleno, Soto formulará unha pregunta directa ao Executivo coruñés: "Como valora o Goberno a situación laboral das e dos conserxes das instalacións deportivas municipais?". A súa intervención busca obter unha resposta clara sobre a falta de execución do acordo que estipulaba unha mellora salarial para o persoal, cuxa retribución actual non alcanza o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) sen contar cos pluses.
O acordo orzamentario establecía que o Concello aumentaría os fondos destinados á conserxaría, o que permitiría que o cadro de persoal puidese recibir o SMI sen necesidade de depender dos complementos salariais. "O SMI debe ser o salario base, non o resultado de sumar pluses", declarou Soto. A pesar desta previsión, a empresa concesionaria non logrou aplicar a suba salarial debido a unha achega insuficiente por parte do Concello.
Co contrato da concesionaria xa caducado, a situación do persoal é cada vez máis precaria. Moitos traballadores, que prestan servizo en horarios nocturnos, ven como os seus salarios non alcanzan o mínimo legal despois de descontar os pluses. Ademais, case a metade do cadro de persoal está contratada a tempo parcial, o que agrava aínda máis a súa situación laboral.
Soto insiste en que o BNG está comprometido coa mellora das condicións deste colectivo e sinala que o cumprimento do acordo orzamentario é esencial para seguir colaborando co Goberno Local: "Os acordos están para cumprirse. Se o Goberno Local quere seguir contando connosco, primeiro debe aterse ao pactado".
O BNG segue reclamando unha solución urxente a esta situación, co fin de garantir os dereitos laborais e salariais do persoal que mantén en funcionamento as instalacións deportivas municipais.