O BNG da Coruña leva ao Pleno deste xoves a necesidade do deseño da fachada marítima

ACoruñaXa
Jorquera defenderá este xoves unha moción para o Concello impulsar a constitución do Consorcio que debe pilotar a transformación dos terreos do porto interior
O portavoz do BNG na Coruña, Francisco Jorquera.
O portavoz do BNG na Coruña, Francisco Jorquera.
1 may 2024

O BNG da Coruña sinala que o Goberno Local ten que tomar a iniciativa no deseño da futura fachada marítima da cidade e iso pasa por iniciar á maior brevidade posíbel os trámites para revisar o convenio de 2004 e para modificar o actual PXOM.

Así o considera o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, quen vai levar a cuestión ao Pleno deste xoves 2 de maio por medio dunha moción a través da cal tamén se insta o Goberno Local a que impulse a constitución dun consorcio, ou ente análogo, que pilote a transformación dos terreos do porto interior, que deben continuar a ser públicos.

Por que hai que revisar o convenio de 2024 e modificar o PXOM? Pois, a xuízo de Jorquera, porque contemplan “uns aproveitamentos urbanísticos e terciarios en terreos portuarios” que en absoluto se corresponden “coas necesidades da Coruña de hoxe”.

Sobre a consideración de o convenio de 2004 -que permitía unha pelotada inmobiliaria- estar obsoleto existe un “amplo consenso”, quer no ámbito político institucional quer no social, remarca Jorquera. Como tamén existe consenso en que o deseño da futura fachada marítima da cidade debe pivotar arredor de eixos básicos como son o mantemento da titularidade pública dos terreos, a continuidade do porto como motor da actividade produtiva da cidade -ligado á economía do mar- ou o necesario aproveitamento dos espazos liberados para aumentar as zonas verdes ou os equipamentos públicos. O acordo esténdese tamén á idea do rol que, no horizonte da resolución dos problemas de mobilidade que temos na comarca, pode xogar a infraestrutura ferroviaria de San Diego, coa creación dun intercambiador de transporte marítimo-terrestre e a posta en marcha de servizos ferroviarios de proximidade.

Mais o problema, entende Jorquera, é que esas amplas zonas de consenso non se teñen visto acompañadas de pasos decididos en dúas direccións: na da constitución dun ente con participación das distintas administracións implicadas e na da “imprescindíbel proposta” de ordenación -de usos e urbanística- dos terreos do porto interior.

Jorquera fai notar que “as distintas actuacións e intervencións recentes no espazo portuario foron executadas sen se ter aprobada e nin sequera definida esa nova proposta”.

E aí o Concello ten que liderar o proceso pondo unha proposta concreta sobre a mesa, quer en relación a Batería e Calvo Sotelo quer en relación a San Diego.

Unha proposta que, liderada polo Concello, debe tamén ser participada pola veciñanza, coa comparecencia na Comisión Especial da Fachada Marítima -que preside o propio Jorquera- de persoas expertas e representantes de entidades cidadás e institucións e coa organización de foros cívicos abertos á sociedade civil.

De resto, a moción do BNG insta tamén o Goberno Local a que esixa a condonación da débeda contraída pola Autoridade Portuaria con Portos do Estado para non se incorrer “nunha desigualdade de trato a respecto das solucións dadas noutros portos de interese xeral”.